1 de decembro de 2011
Novidades de decembro
NOVAs OBRAS desde polonia e alemaña

O prezo da fama inclúe os relatos que Sławomir Mrożek escribiu a principios da década de 1990, polo que se trata da súa obra máis recente. Malia seren escritas hai vinte anos, o talento do autor logra que estas breves narracións queden chantadas nun espazo á marxe do tempo, o cal permite que sexan lidas dende unha perspectiva actual. Destaca o humor co que Mrożek desenmascara o primitivismo, o disparate e a fachenda absurda coa que todos actuamos en ocasións, ao mesmo tempo que desacredita os estereotipos do noso comportamento en sociedade.…

Os Apuntamentos de Jakob Littner desde un burato no chan viron a luz en 1948, o que fai da obra unha das primeiras memorias literarias do Holocausto. Tamén resultou ser unha das máis polémicas: orixinalmente presentouse como un texto orixinal de Koeppen, baseado nas reminiscencias que o protagonista, Jakob Littner, supostamente compartira en conversa co editor; anos despois, a raíz da reedición da obra (para entón esquecida), quedou demostrado que Koeppen traballara sobre un manuscrito do propio Littner, que o editor xulgara interesante no contido e deficiente na forma…
